Iberbanda comeza a prestar servizo WiMAX para achegar a banda larga a 20 concellos do sur de Lugo

luns, 29 de novembro do 2010 Redacción

Máis de 28.000 veciños de 1.700 núcleos de 20 concellos do sur de Lugo e a súa contorna dispoñen desde hoxe da posibilidade de acceder a un servizo de Internet de calidade grazas ao Plan de Banda Larga, que está a desenvolver a Xunta de Galicia. O Goberno galego iniciou as accións do Plan nesta zona por ser unha das áreas que máis acusa a fenda dixital.
Desde hoxe o operador Iberbanda, adxudicatario da subvención da Xunta para o despregamento de redes sen fíos nesta zona, comeza a prestar servizo en 20 concellos do sur de Lugo. Concretamente, o operador porá en marcha o servizo de acceso á rede en núcleos dos municipios de Antas de Ulla, Bóveda, Carballedo, Chantada, O Corgo, Guntín, Láncara, Monforte de Lemos, Monterroso, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sarria, O Saviñao, Sober e Taboada.
Ao longo do mes de decembro, Iberbanda irá habilitando o servizo na zona para achegar Internet de calidade antes de que remate a preto de 35.000 habitantes de máis de 2.000 núcleos de 27 concellos do sur de Lugo e a súa contorna.
Dos 27 concellos previstos nesta actuación, 22 son da provincia de Lugo (Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Taboada, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria); e 5 da provincia de Ourense (Nogueira de Ramuín, A Peroxa A Teixeira San Cristovo de Cea e Vilamarín).