Improving Metrics, entre as empresas con maior rendemento de Galicia

luns, 19 de novembro do 2018 Redacción

Jesús Echarri, CEO de Improving Metrics

A empresa coruñesa Improving Metrics, da que falamos hai pouco con motivo dun singular experimento de analítica avanzada e Big Data celebrado na sede local da Fundación Paideia (onde se mediu o custe dun congreso profesional polos sorrisos dos asistentes), vén de recibir estes días un importante recoñecemento ao seu labor, máis en detalle “polo seu constante crecemento nos últimos tres anos”. A distinción provén do Consorcio da Zona Franca de Vigo, que a través do seu Informe Ardán enxalza o empuxe de Improving Metrics co certificado de alto rendemento, motivado en boa medida por ter conseguido unha rendibilidade económica media de polo menos o 25%.
E todo o devandito nun período de só tres anos, e cunha taxa superior ao 15% en cada un dos tres períodos de tempo.
En base aos logros mencionados, Improving Metrics pasa a formar das 294 firmas galegas que contan xa co devandito aval, e das 77 que teñen a súa sede de operacións na Coruña e na súa contorna.
De todos os sistemas produtivos, a abeiro clasificación establecida por Ardán, Improving Metrics pertence ao sector da Información e o Coñecemento, onde figura un 5,78% das empresas de alto rendemento en Galicia.
Segundo a análise realizada ao abeiro de Ardán, ser empresa de alto rendemento implica crear vantaxes competitivas consistentes. Estas empresas gozan de posicións relevantes dentro do seu eido de actividade e, ademais, o seu labor adoita vir acompañado de relevantes calidades do capital humano e excelencias directivas, o que posibilita o deseño de estratexias xeradoras de valor.

PUBLICIDADE