Jazztel entra na telefónica móbil regalando 100 Mbytes de descarga/mes en mobilidade aos seus clientes de ADSL

luns, 9 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Jazztel entra finalmente no mercado móbil virtual xogando coa combinación de servizos, de xeito que na mesma factura se pode incluír o ADSL e a telefonía móbil. Para promocionar esta novidade incluso iniciaron unha forte campaña publicitaria na que sorprenden dicindo que os usuarios que teñan ADSL de 20 Mbps poderán gozar de Internet en mobilidade de balde (aínda que o certo é que tal promoción ten unha limitación de 100 Mbytes de descarga ao mes).

O módem USB de Jazztel precisa do pagamento dun aluguer de 9,95 euros/mes

Así, os usuarios que desexen conectase á Internet dende calquera parte poden acceder a bonos de 250 Mbytes por 7,95 euros/mes, de 1 Gb por 18,95 euros/mes, de 2 Gb por 29,95 euros/mes e incluso de 5 Gb por 44,95 euros/mes, para o que tamén poden facerse cun módem USB de Jazztel (que implica un prezo de aluguer de 9,95 euros/mes).
Pero a telefonía móbil é o auténtico eixe desta nova aposta de Jazztel, que está enfocada ao núcleo familiar, permitindo asociar ata 5 liñas móbiles a unha mesma conexións ADSL, de xeito que achegaría os beneficios dunha PEME á familia, con chamadas entre móbiles Jazztel dende 0 céntimos/minuto, e ao resto de destinos estatais dende 9 céntimos/minuto (conseguíndose estas vantaxes mediante bonos). De non contar con bonos-aforro a tarifa de Jazzmóvil sería de 12 céntimos/minuto a todos os destinos cun custo de establecemento de chamada de 15 céntimos.
Destaca o feito de que Jazztel ofrecerá móbil libres aos seus clientes e non terá compromiso de permanencia nos seus contratos.
A nova oferta da operadora lánzase baixo o lema Jazztel se mueve, en referencia á posibilidade de acceder á Internet dende calquera parte sen custo adicional, o que é unha promoción sen precedentes en España, e que resultará ideal para usuarios esporádicos, pero que tamén serve como entrada da telefonía móbil da operadora, xa que para estas conexións hai que empregar unha tarxeta SIM de Jazzmóvil.