Journey chega a iOS

martes, 6 de agosto do 2019 Marcus Fernández

En marzo de 2012 thatgamecompany, compañía responsable dos xogos flOw e Flower, volveu tocar a fibra dos xogadores de PlayStation 3 co xogo Journey, que durante unhas 3 horas convidaba ao usuarios a emprender unha viaxe na que a estética visual e sonora consegue transmitir emocións até o punto de que non son poucos os que consideran que Journey é máis unha experiencia que un xogo.
Xa en 2015 Journey adaptaríase a PlayStation 4, actualización que sería de balde para quen xa tivese mercado a edición para PS3, mantendo o xogo como exclusivo para consolas de Sony até o pasado mes de xuño, cando o título estreouse en PC a través da Epic Games Store, e nesta nova vía para abrir a novos usuarios, sorprendeu chegando a iOS nas últimas horas, de xeito que xa podemos mercalo para iPhone ou para iPad por 5,49 euros.
O xogo para iOS mantén a súa coidada estética, mudando principalmente con respecto ao resto de versións ao contar cun sistema de control táctil. De feito, a versión móbil de Journey incluso conserva a posibilidade de viaxar en compañía doutro usuario, conseguindo así unha experiencia diferente de exploración de ruínas e desertos.

Tráiler de lanzamento de Journey para iOS

PUBLICIDADE