LG abandona os reprodutores de Blu-ray 4K

xoves, 12 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Os contidos audiovisuais están cada vez máis desligados dos soportes físicos, e ao igual que cada vez hai menos películas e series de televisión editadas en DVD e Blu-ray disc, cos reprodutores de discos pasa exactamente o mesmo, e como mostra diso temos que a primeiros de 2019 Samsung anunciou que cesaba a fabricación de reprodutores de Blu-ray 4K, e agora é LG o fabricante que abandona o mercado dos reprodutores de Blu-ray en ultra alta definición, dos que actualmente quedarían existencias dos modelos UBK80 e UBK90, que desaparecerán completamente do mercado en breve.
Realmente non é ningunha sorpresa que os fabricantes surcoreanos deixen de comercializar reprodutores de discos Blu-ray, pois os últimos modelos de LG lanzáronse en 2018, polo que tantos anos sen renovación de catálogo deixaba clara a falla de demanda.
Fabricantes como Panasonic e Sony están a ir polo mesmo camiño, e aínda que neste momento é posible atopar reprodutores de distintas marcas en tendas en liña, é só cuestión de tempo que atopar unidades novas sexa toda unha aventura, para pesar dos coleccionistas de películas e series en disco, que na súa meirande parte non son partidarios das políticas das tendas dixitais (nas que as obras non chegan a ser propiedade dos compradores, de xeito que non hai garantía de que estean accesibles a longo prazo).