LG supera os 10 millóns de televisores OLED vendidos en Europa

xoves, 22 de maio do 2025 Marcus Fernández

LG Electronics acaba de converterse na primeira marca en superar os 10 millóns de unidades vendidas de televisores OLED en Europa, segundo datos de Omdia correspondentes ao segundo trimestre de 2025. Este fito consolida a posición de liderado da compañía surcoreana no segmento premium e reflicte a confianza sostida dos consumidores europeos nunha tecnoloxía que leva máis dunha década marcando tendencia.
A chegada ao mercado europeo do primeiro televisor OLED de LG produciuse en 2013. Desde entón, a traxectoria foi ascendente: 2 millóns de unidades vendidas en 2019, 4,9 millóns en 2021, 8 millóns en 2023 e 9,5 millóns en 2024. Só no primeiro trimestre de 2025, a marca enviou arredor de 391.100 unidades a Europa, cunha cota de mercado do 56,4 %, liderando países como o Reino Unido, Alemaña e Francia. A nivel global, LG mantivo en 2024 unha cota do 52,4 % nas vendas de televisores OLED, o que lle permite conservar o liderado mundial por décimo segundo ano consecutivo.
A compañía tamén prepara para este ano o lanzamento en Europa do primeiro televisor OLED 4K totalmente transparente e sen cables, que chegará en maio a Alemaña e España, e en xuño ao Reino Unido e Francia.
No eido do software, LG reforza webOS con novas funcións e contido. LG Channels, dispoñible en 16 países, cunha oferta de máis de 1.700 canles, sitúase xa entre as cinco aplicacións máis utilizadas nos seus televisores. A empresa tamén lanzou o servizo de vídeo baixo demanda LG Movies & TV en colaboración con Rakuten, e ampliou a súa oferta de xogos con máis de 500 títulos familiares e integración con Xbox Cloud Gaming.