La Caixa e Microsoft impulsan xuntas solucións innovadoras en tecnoloxía

xoves, 14 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

Juan María Nin, director xeral de La Caixa, e María Garaña, presidenta de Microsoft Ibérica, veñen de asinar un acordo estratéxico de colaboración, polo que a entidade financeira confía na tecnoloxía de Microsoft para impulsar a innovación e potenciar servizos de mobilidade, así como para implantar solucións coas que incrementar a produtividade dos seus empregados e xerar valor para os seus clientes.
Todo iso permitiralle a La Caixa, segundo afirma, “poder dedicar máis tempo a atender as súas prioridades de negocio e comerciais”.
Asemade, a adopción de tecnoloxía de Microsoft suporá para La Caixa unha redución de custes, xa que lle permitirá realizar un menor esforzo de administración e xestión das plataformas, ademais de posibilitar un menor consumo de recursos tanto enerxéticos coma tecnolóxicos.
Microsoft colaborará no deseño e implantación de solucións innovadoras no ámbito da mobilidade xa que, segundo informan, “as novidades de Windows Phone para La Caixa permitirán mellorar a oferta de servizos financeiros da entidade e ofrecer un maior valor engadido aos seus clientes”.
Por outra banda, ambas entidades van iniciar unha colaboración no ámbito de seguridade, a nivel internacional, para unir esforzos no obxectivo común de alcanzar maiores niveis de seguridade en Internet.

PUBLICIDADE