LareiraConf 2026 volve convocar á comunidade tech na Coruña
mércores, 28 de xaneiro do 2026
Co obxectivo de reunir á comunidade tecnolóxica volve unha nova edición de LareiraConf, que terá lugar o 20 e 21 de marzo no Reitorado da UDC (parque da Maestranza, A Coruña). Este encontro da comunidade tech para compartir tempo, conversas e vivencias nunha contorna próxima e accesible, un espazo onde relatores e asistentes conviven ao mesmo nivel.
Segundo Andrea Magán, membro do equipo de organización do evento: “LareiraConf naceu para que a comunidade tech se coñeza. Vas polas charlas, pero o que de verdade te levas son as persoas e as conexións”.
LareiraConf é un formato dun único track de charlas que permite que todas as persoas asistentes compartan a mesma experiencia, sen dividirse nin perderse nada.
A edición 2026 contará coa participación de referentes do sector tecnolóxico como: Miguel Durán (MidDev), Nerea Luís, Borja Pérez, Almudena Barreiro, Cristina García, Nacho Márquez, Eva González, Brais Calvo, Diego Mariño, Pilar Vila, Antonio Fernandes e Samuel A. Jiménez, que formarán parte do evento non só como relatores, senón como membros activos da comunidade.
Alén das charlas, LareiraConf vívese como un encontro social, con networking real, xogos, sorteos, comida e moito tempo para conversar, reforzando o sentimento de pertenza e a conexión humana. “Non queriamos outro evento onde entras, escoitas e te vas. Queriamos un espazo onde ficar, falar e compartir, aliñado co lema da comunidade Sysarmy e pondo o foco na parte social, especialmente para quen non o teñen tan doado á hora de facer conexións”, explica Tiziana Amicarella, parte do equipo de organización.
