Lingua.gal convoca a nova edición do concurso-exposición das Letras Galegas 2018
luns, 23 de outubro do 2017
- A escritoria María Victoria Moreno, homenaxeada o ano vindeiro no Día das Letras Galegas
O Portal da Lingua Galega (Lingua.gal)
e mais o Portal Educativo da Xunta de Galicia (Edu.xunta.gal)
veñen de publicar a
nova convocatoria do Concurso-Exposición Letras Galegas, que
cada ano se leva adiante co obxectivo de, en palabras dos devanditos
espazos web, “potenciar o coñecemento do autor ou autora
homenaxeada o 17 de maio, da situación sociolingüística que lle
tocou vivir e, en xeral, da súa época histórica”. Os centros que
concorran neste certame da Secretaría Xeral de Política Lingüística
teñen de prazo até o 22 de xaneiro de 2018 para presentaren unha
exposición que faga un percorrido polas devanditas vertentes obra de
María Victoria Moreno Márquez, a
quen a Real Academia Galega (RAG) homenaxea o vindeiro ano na
festividade da nosa cultura.
Os proxectos gañadores difundiranse profusamente
na Internet, a través do Portal da Lingua Galega, e serán
distribuídos por máis de 2000 puntos de interese (centros
educativos, lectorados da Rede de Centros de Estudos Galegos,
entidades da Rede de Dinamización Lingüística, centros da
emigración ou bibliotecas, entre outros emprazamentos). Os colexios
e centros participantes na súa elaboración recibirán un premio en
metálico por importe de 2000 € e o profesorado obterá, por
segundo ano, un certificado de premio de innovación educativa, cunha
equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado, ou
30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto gañador.
Segundo informa a Secretaría Xeral de Política
Lingüística dende o Portal da Lingua, a convocatoria do
Concurso-Exposición Letras Galegas 2017 “está dirixida a todos os
centros docentes de ensino público non universitario dependentes da
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que
poderán concursar na categoría que lles corresponda entre as dúas
que se establecen”. Por unha banda, a categoría A para infantil e
primaria e, pola outra,a categoría B para educación secundaria e
bacharelato, formación profesional e restantes centros de ensinanzas
especiais. Os centros educativos en que se imparta infantil, primaria
e secundaria poderán concursar en ambas as categorías.
Os colexios e institutos deberán formar equipos
integrados por un máximo de 10 docentes de diferentes áreas que
colaboren activamente e fomenten a participación do alumnado na
elaboración do traballo.
As exposicións que se presenten ao certame
deberán constar de 10 carteis orixinais e inéditos de 70x50 cm
acompañados dunha guía con actividades que orienten a observación
da mostra e fomenten o labor de investigación do alumnado. A técnica
que se empregue nos devanditos carteis será libre e estes poderán
ser presentados a cor.