Lowi estrea novas tarifas con prezos bastante axustados

venres, 19 de setembro do 2025 Marcus Fernández

O operador de baixo custo do grupo Vodafone, Lowi, está a lanzar novas promocións para a captación de clientes que sorprenden por non estar limitadas aos vindeiros 12 meses, senón a presentar prezos finais moi axustados.
A nova tarifa máis rechamante é a que describen como a máis barata, que por 5 euros/mes ofrece chamadas ilimitadas e 15 GB de datos (acumulables ao mes seguinte) sen ningún tipo de permanencia.
Tamén resulta interesante a tarifa de fibra de 600 Mbps e dúas liñas móbiles con chamadas ilimitadas e 25 GB de datos cada unha por 30 euros/mes. Neste caso tamén inclúe datos acumulables ao mes seguinte, e cómpre salientar que non inclúe teléfono fixo (escudándose no feito de que ofrecen chamadas ilimitadas no móbil). Este plan ten unha permanencia de 3 meses na fibra.
E a oferta que promete ser fugaz é a de fibra de 600 Mbps (e 3 meses de permanencia), móbil con chamadas ilimitadas e 55 GB de datos e un paquete de contidos televisivos por 35 euros/mes como prezo definitivo. Os contidos televisivos incluídos serían Lowi TV (máis dun cento de canles entre as que figuran AXN Movies, National Geographic, Cocina e as canles da TDT) e o Pack deportes (con LaLiga Hypermotion, Eurosport 1 e 2, My ZEN TV, Surf Channel, Extreme Sports e Betis TV).
Estamos ante unhas promocións que, se ben non son as máis agresivas do mercados, empregan o reclamo da tranquilidade de non ter prezos temporais.