Lulu permite editar libros a calquera grazas á impresión baixo demanda

luns, 9 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Bob Young durante a Feira do Libro de MadridO fundador de Red Hat, Bob Young, presentou en España o seu servizo de publicación de contidos Lulu, que permite a comercialización baixo demanda, de xeito que un autor pode incluír as súas obras na web para vendela a petición do usuario.
Este sistema serve para comercializar tanto libros como catálogos ou discos en formato CD e DVD, de xeito que o autor pode definir completamente a imaxe do produto, e esta plataforma de comercio electrónico non precisa de stocks xa que a impresión e gravación dos produtos se realiza baixo demanda.
Estas solucións son moi atractivas para os autores que aínda non contan cun público masivo que lles permite achegarse ós sistemas de produción industrial, de xeito que tamén se mellora a oferta que pode chegar ó público, pois supón un complemento para a oferta cultural, que non conta así so coas editoriais tradicionais.
O modelo de negocio de Lulu consiste na achega dunha porcentaxe dos prezos de venda (descontados os prezos de produción) e resulta especialmente interesante no caso dos libros, xa que a impresión baixo demanda aínda non está moi espallada, e a facilidade de uso deste tipo de sistemas pode incrementar a súa popularidade ata achegar o obxectivo da empresa de chegar a 400 millóns de lectores hispanofalantes.
Lulu non serve só para que se editen libros de autores que non acadan vendas millonarias, senón que tamén se pode empregar para a impresión de comics, álbumes familiares, discos, e moitos outros usos dos que seguro que se sacará proveito por parte dos autores e artistas de todo o mundo.

PUBLICIDADE