Máis de 74.000 galegos de 181 concellos poderán gozar de accesos á Rede de máis de 100 Mbps

venres, 23 de marzo do 2018 Redacción

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, avanzou na rolda de prensa do Consello da Xunta desta semana que o Plan de Banda Larga facilitará o acceso á Internet de 100 Mbps a máis de 74.000 galegos de 181 concellos, para o que realizarase un investimento de máis de 14 millóns de euros.
Esta iniciativa da Xunta para garantir á Rede en núcleos de menos de 300 habitantes compleméntase coa que ten en marcha o Goberno de España, centrada en núcleos de maior tamaño e coa que se mobilizan 21 millóns para dotar de conexión por fibra óptica a 258.000 galegos máis. Deste xeito, o traballo conxunto de ambas administracións posibilitará que en 2020 máis do 74% dos galegos poidan acceder a Internet de alta velocidade.
Entre as dúas iniciativas, sinalou o titular do Goberno galego, beneficiaranse máis de 332.000 galegos que viven nas zonas brancas, é dicir, sen conexións de máis de 30 Mbps. A continuación, valorou a nova de que este venres o Consello de Ministros aprobe un investimento de 150 millóns en axudas á extensión da banda larga.
A segunda edición do Plan de Banda Larga, que se estende ata 2020, ten tres liñas fundamentais: Internet en polígonos industriais, cun investimento de 3,4 millóns de euros, e este ano completarase a conexión a redes de até 350 Mbps para que Galicia dispoña de 130 polígonos con este tipo de redes. Internet para empresas situadas en zonas illadas, unha liña de axudas de 400.000 euros da que se benefician máis de 30 empresas. E Internet para núcleos de menos de 300 habitantes, «unha liña de actuación que vimos de activar no Consello de hoxe», tal e como asegurou hoxe o presidente da Xunta.

PUBLICIDADE