Malasombra xa é unha realidade

mércores, 3 de setembro do 2025 Marcus Fernández

En marzo o grupo de desenvolvedores 4MHz, moi coñecido polas súas creacións para ordenadores Amstrad CPC, ousou iniciar unha campaña de micromecenado para facer realidade o seu novo traballo, Malasombra, un xogo para a clásica consolas NES de Nintendo, para que os amantes do retro puidesen facerse cunha copia dixital ou física do mesmo, ou sexa, que os mecenas podían optar a facer cun cartucho de NES cun xogo desenvolvido en 2025.
O éxito desta iniciativa foi tal que en 7 horas conseguiron completar o seu obxectivo económico, e finalmente conseguiron xuntar 70.400 euros achegados por 1.164 patrocinadores que esta semana están a recibir as súas copias de Malasombra.
Os que non apoiaran a campaña de micromecenado no seu día poden agora acudir á tenda en liña de 4MHz para adquirir o xogo en dixital (con dispoñibilidade inmediata) e en breve ofrecerán tamén copias físicas deste impresionante traballo dun grupo de entusiastas que conseguiron facer realidade o soño de crear videoxogos para unha consola de videoxogos que significa tanto para eles sentimentalmente.
Malasombra é unha aventura bastante tópica, na que un aspirante a mago, Pirou, ve como o malvado bruxo Malasombra secuestra a súa amada o día do seu casamento á vez que transforma en sapo aos convidados á celebración. Nesta situación Pirou precisa xuntar as páxinas dun libro de maxia para adquirir as habilidades que lle permitan derrotar a Malasombra, recuperar a súa amada e reverter os danos ocasionados polo malvado feiticeiro.
Esta aventura de aparencia básica é todo un desafío aos reflexos e a intelixencia dos xogadores, que terán que superar numerosos retos, resolver quebracabezas, atopar camiños ocultos e dominar habilidades máxicas como transformarse en ra, esquío ou ganso para chegar a onde non sería posible con forma humana. Cómpre tamén salientar que non estamos ante unha experiencia curta, pois incluso estando afeitos a este tipo de xogos, completar a aventura pode levarnos entre 5 e 7 horas, o que de seguro que resultará gratificante para os nostálxicos da vella consola de Nintendo.

Poder facerse cun xogo actual en formato físico para unha consola dos anos 80 foi posible grazas a unha campaña de micromecenado
Malasombra pode xogarse nunha NES orixinal