Marvel: Contest of Champions terá versión para PC

mércores, 30 de abril do 2025 Marcus Fernández

Máis dunha década ten xa o videoxogo Marvel: Contest of Champions (traducido tamén como Marvel: Batalla de Superhéroes), un xogo de loita free-to-play para dispositivos móbiles, dispoñible para iOS e para Android, e que agora sorprende abrindo o pre-rexistro para poder acceder en breve á versión para PC e así poder acceder a recompensas exclusivas.
Este anuncio chega nun momento no que moitos xogos con fórmulas semellantes están a vivir serias crises e chegan incluso a botar o peche (como foi o caso de Star Wars: Hunters, que pese a ter en desenvolvemento unha versión para PC, finalmente dirá adeus despois do verán).
A versión para PC do xogo promete ofrecer a mesma experiencia xogable, con gráficos Full HD a 60 imaxes por segundo e coa posibilidade de gozar do xogo cruzado e de manter tamén os progresos entre plataformas, conseguindo así trasladar a base de usuarios móbiles á pantalla do ordenador, á vez que capta a xogadores que non gustan do xogo en mobilidade.
Polo momento non se coñece a data na que Marvel: Contesto f Champions chegará a PC, pero os interesados farían ben en botar un ollo á súa versión móbil, para familiarizarse co título e ir coñecendo aos máis de 300 personaxes cos que conta este veterano xogo.

Tráiler da versión para PC do xogo de loita con personaxes da Marvel