MásMóvil lanza unha agresiva promoción de Internet, fixo e móbil
mércores, 4 de maio do 2016
Pese a
non ter completado a compra de Pepephone e estar aínda a negociar a compra de
Yoigo, dende MásMóvil non queren agardar para iniciar a súa estratexia
expansiva no mercado español, para converterse nun dos principais operadores no
noso territorio, de aí que lanzan unha
oferta converxente que permite aforros de ata un 40%, no que consideran que
son “as mellores tarifas con Internet, fixo e móbil con chamadas ilimitadas”.
As novas ofertas inclúen
acceso á Internet a través de ADSL ou fibra en función da cobertura dispoñible,
conformando un catálogo de tarifas moi atractivo, especialmente para os
consumidores que queren gozar de tarifa plana de chamadas e non están
interesados en contratar o servizo de televisión.
Parten dunha oferta converxente que por 36,89 euros/mes inclúe teléfono fixo
con chamadas ilimitadas a teléfonos fixos e 60 minutos a móbiles estatais,
móbil con chamadas ilimitadas e 1 GB de datos en 4G, banda larga doméstica de
20 Mbps en ADSL ou 50 Mbps por fibra óptica e a posibilidade de gozar de 2
liñas móbiles adicionais con 500 MB de datos e chamadas a 0 céntimos/minuto.
Por 3 euros máis podemos mellorar esta tarifa incluíndo 3 GB de datos na liña
móbil principal, que poderían chegar ata os 8 GB por 10 euros adicionais (ou
sexa, por 46,89 euros/mes). As tarifas anteriores poderían gozar de fibra
óptica simétrica de 300 Mbps (onde haxa cobertura) por un suplemento de 5 euros
(de xeito que teriamos tarifas de 41,89, 44,89 e 51,89 euros/mes
respectivamente).
Para quen non lle interese o móbil, MásMóvil tamén contará con tarifas Internet
Only que por 39,99 euros/mes ofrecen teléfono con chamadas ilimitadas a números
fixos e 60 minutos a móbiles, xunto cunha conexión á rede por fibra óptica a
300 Mbps simétricos, que sería 10 euros máis barata con fibra de 50 Mbps ou
ADSL de 20 Mbps.
Cómpre destacar que todos estes prezos corresponden a unha oferta de lanzamento
que durará ata agosto, que manterá os prezos a quen as contrate agora, pero que
tras a mesma incrementaría as tarifas en 8,10 euros/mes para novos clientes.

- Táboa coas novas tarifas de MásMóvil
