MásMóvil pecha un acordo con Orange que afectaría a Yoigo e Pepephone

luns, 10 de outubro do 2016 Marcus Fernández

MásMóvil informou ás autoridades de ter pechado un acordo con Orange Espagne, S.A. no ámbito dos servizos de roaming nacional, a compartición de torres como o acceso maiorista e a expansión da cobertura da balda larga de alta velocidade a través de fibra (FTTH). Iso significa que o novo grupo de telecomunicacións complementará a partires do 1 de xaneiro de 2017 a súa rede móbil coa de Orange (dando así dobre cobertura) e multiplicará por 10 a súa cobertura na banda larga fixa mediante fibra óptica ata o fogar (equiparándoa coa de Orange), o que permitiralle unha mellor posición competitiva.
Este acordo afectaría tamén a Yoigo, de xeito que esta compañía do grupo pasará de empregar a cobertura de Movistar a facer uso da de Orange, como se viña rumoreando nos últimos meses; pero o peor podería ser para Pepephone, compañía que podería entrar nunha situación dramática, xa que os seus clientes actuais teñen cobertura de Movistar e prezos maioristas antigos que non chegaron a renegociarse, e posiblemente non podan facer un importante cambio de tarifas ata que muden á rede de Orange en 2018, o que podería traducirse nunha fuxida de clientes, pois Pepephone era unha compañía caracterizada tanto polas súa atención ao cliente como pola flexibilidade e competitividade das súas tarifas, algo que cada vez está máis en dúbida.
En calquera caso tampouco é de esperar que MásMóvil deixe de lado as tarifas de Pepephone, pois non ten moito sentido abandonar unha marca con tanto valor, que conseguiu converterse no grande OMV de referencia con preto de medio millón de clientes.