MásMóvil supera os 6 millóns de liñas móbiles

martes, 25 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Tras Movistar, Vodafone e Orange está a consolidarse un cuarto operador, o Grupo MásMóvil, que nos últimos meses está a captar clientes a un ritmo moi elevado, de xeito que conseguiu superar xa os 6 millóns de clientes de telefonía móbil.
O grupo, que controla as marcas Yoigo, MásMóvil, Pepephone e Llamaya, está a vivir un grande momento comercial, liderando o mercado de captación e portabilidade de clientes en España, tanto en banda larga fixa como móbil, en boa medida pola súa oferta de prezos axustados. Destaca o caso de Pepephone, marca coa que o grupo consegue un elevado nivel de satisfacción entre os seus usuarios, grazas principalmente a unha longa historia de bo trato aos seus clientes.
Ao peche do primeiro semestre do ano, o Grupo MásMóvil contaba con 5,7 millóns de clientes de telefonía móbil (4,4 millóns de contrato e 1,3 millóns de prepagamento), pero durante o terceiro trimestre conseguiu superar as 300.000 novas liñas, de aí que superasen os 6 millóns, sendo salientable o feito de que no que vai de ano terían medrado en máis dun millón o número de liñas móbiles.

PUBLICIDADE