Mediapro pretende optar á TDT de pago coa súa canle Gol TV

luns, 13 de abril do 2009 Marcus Fernández

O anuncio do Ministerio de Industria de que a TDT de pago podería volver a ser unha realidade en España está a crear bastante polémica, pois tras a difusión da nova tiveron que matizar que era preciso o acordo do Consello de Ministros para que sexa posible a posta en marcha do novo modelo de explotación televisiva pois, entre outras cousas, haberá que axustar a Lei. Tamén haberá que garantir a existencia de descodificadores compatibles para todas as canles que opten a esta canle de capitalización da súa programación televisiva, aínda que polo momento a única que deixou claro que ía solicitar as emisións baixo o modelo de pago foi La Sexta, que tería coma intención a transformación da actual Hogar 10 en Gol TV (canle de retransmisións deportivas con moi pouca difusión na actualidade) que pretendería entrar en pleno rendemento para o inicio da tempada 2009-2010, o que non afectaría ás retransmisións en aberto de eventos deportivos programados en aberto (Fórmula 1, a Liga de Fútbol da presente tempada ou o Eurobasket de Polonia 2009).
La Sexta pretendería presentar a solicitude para a súa nova canle de pago a través da TDT esta mesma semana, aínda que a vicepresidenta do Goberno xa advertiu que ata que o Consello de Ministros non decida sobre o asunto non se tramitarán as solicitudes recibidas, aínda que dende Mediapro consideran que os pasos a seguir serán iguais aos da transformación de Canal+ en Cuatro (que fixo xusto o contrario).