Mediaset ábrese a YouTube e presenta a súa nova canle de TDT

venres, 18 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Dende hai anos Telecinco amosou a súa oposición a servizos de vídeo en liña como YouTube e, de feito, incluso levou a xuízo á plataforma de vídeo de Google, quedando a causa arquivada en 2010, e dende aquela vemos como Telecinco dedica grandes esforzos para denunciar os contidos da súa canle que aparecen en YouTube, o que non parecía unha política moi intelixente, xa que normalmente resulta moito máis produtivo manter contidos na plataforma de vídeo máis popular na Rede para conseguir ingresos da súa publicidade. Precisamente o pasado outono Mediaset España anunciou un acordo de colaboración con YouTube, pondo fin a 8 anos de contencioso, e froito desta colaboración temos agora unha nova canle de YouTube chamada mitele & You, que parece querer converterse na cerna da nova estratexia dixital de Mediaset, de xeito que é de agardar que os contidos que ata o momento só estaban dispoñibles a través da plataforma de vídeo baixo demanda Mitele, cheguen agora a través de YouTube, o que sen dúbida favorecerá a súa reprodución en liña e a súa popularización a través de redes sociais.

Nova canle de TDT

Adicionalmente Mediaset tamén deu conta esta mesma mañá da marca baixo a que se lanzará a súa nova canle de Televisión Dixital Terrestre, Be Mad, que preséntase baixo o lema “unha nova experiencia” e que completaría a oferta de novas canles de TDT (nas que tamén están 13TV, Atreseries, Real Madrid TV, Ten TV e 9KissTV), esperándose que comece a emitir en breve na frecuencia na que actualmente temos Energy HD (emisión bastante polémica por supor unha violación da concesión ao repetir a programación dunha canle anteriormente existente).