Medran os lectores ao abeiro da plataforma GaliciaLe
martes, 19 de febreiro do 2019
Os
días pasados, na
Biblioteca e Arquivo de Galicia e presidida polo director xeral de
Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, celebrouse a xuntanza do Consello
de Cooperación Bibliotecaria. Na reunión desenvolvida en
Santiago constatouse un importante crecemento do número de persoas
que tiran proveito das ferramentas TIC da Rede
de Bibliotecas Públicas de Galicia (Consellería de Cultura e
Turismo). Máis polo miúdo a plataforma GaliciaLe.
Entre
os puntos cruciais do día figuraba a presentación da memoria anual
da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, na que se deu conta dos
novos rexistros e incorporacións á mesma: a de Beariz, a de Antón
de Pepiño de Curtis e a de Barreiros.
Outro
dos puntos principais foi o impulso ao programa de dinamización da
lectura Ler Conta Moito, que contará este ano cun orzamento
de 345.000 euros, 150.000 máis que no exercicio anterior. Ademais,
fíxose saber que as coleccións das bibliotecas públicas recibiron
en 2018 a incorporación de 13.700 exemplares de novidades en galego,
correspondentes a 426 títulos.
Como
dixemos, tamén houbo novidades relativas á plataforma para o
préstamo de libro electrónico nas bibliotecas, a
plataforma GaliciaLe. Segundo se fixo saber, trátase dun servizo
“cada vez máis consolidado entre as usuarias e usuarios das nosas
bibliotecas, e proba diso é o medre no número de préstamos”. O
informe presentado no Consello de Cooperación Bibliotecaria sinala
que en 2018 houbo un 46% máis de lectores no catálogo de galego e
un 67% máis no de castelán. No Consello explicouse que entre as
razóns deste incremento figuran o fortalecemento da colección dos
dous catálogos, que teñen máis títulos, licenzas e formatos. A
isto cómpre engadir as accións de difusión levadas a cabo pola
Consellería de Cultura e Turismo, baixo o lema A biblioteca vai
contigo, e polo Ministerio de Cultura e Deporte.