Mellora a cobertura de banda larga na Mariña luguesa

martes, 16 de agosto do 2011 Redacción

Trabada é un dos concellos da Mariña Oriental beneficiado polo Plan de Banda Larga

Un total de 3.100 persoas da Mariña luguesa que carecían de acceso a Internet teñen xa a posibilidade de conectarse á Rede grazas as actuacións do Plan de Banda Larga 2010-2013, que está a desenvolver a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
As actuacións do Plan na Comarca ata agora supuxeron achegar a posibilidade de acceso á Internet a través de redes fixas e redes sen fíos a 2.500 veciños do concellos de Barreiros, A Pontenova, Ribadeo e Trabada, na Mariña Oriental, e a outros 600 habitantes do municipio de Alfoz, na Mariña Central, a través de redes fixas.

Mariña Central

Antes da posta en marcha do Plan a cobertura conxunta dos municipios de Barreiros, A Pontenova, Ribadeo e Trabada non superaba o 60% e, en menos dun ano, e grazas aos despregamentos derivados do Plan na zona, incrementouse a porcentaxe de persoas con posibilidade de conexión ata o 74%, é dicir 2.500 persoas. A previsión é que non 2013 máis do 90% dos veciños teñan cobertura e completar o 100% vía satélite.

Alfoz

Antes da posta en marcha do Plan, o Concello de Alfoz, pertencente á Mariña Central, carecía practicamente de cobertura de Internet. A día de hoxe preto dun 29% dos veciños (600 persoas) poden conectarse á Rede grazas ao despregamento realizado por Telefónica. Esta porcentaxe irase incrementando paulatinamente nos vindeiros meses ata acadar no 2013 unha cobertura de máis do 90% da poboación e a porcentaxe restante a través de satélite.

Servizos públicos conectados

As medidas que se están a desenvolver ao abeiro do Plan están garantir tamén o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda de servizos públicos (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) que ata agora carecían de banda larga.
No caso da Mariña Central beneficiáronse destas accións dúas farmacias con Concello de Trabada, así como a Casas Consistoriais e os Xulgados de Paz de Barreiros, Trabada e a Pontenova. En Alfoz, tanto o Concello como o Xulgado de Paz e o CEIP Casto de Ouro teñen cobertura grazas ao Plan de Banda Larga.