Melloran o acceso a GMail dende o móbil

venres, 3 de novembro do 2006 Marcus Fernández

O servizo de correo de Google, GMail, está mellorando a súa dispoñibilidade, de xeito que lanza unha nova aplicación Java para móbiles que se pode descargar de balde e que permite acceder dende calquera terminal compatible ó correo de GMail, que destaca especialmente por permitir ver os ficheiros adxuntos coma textos en PDF, imaxes ou documentos de Word dende o móbil, algo que seguro que será moi ben recibido polos usuarios que queiran consultar o correo electrónico dende calquera lugar.
Ademais, a aplicación móbil de GMail continúa a permitir empregar moitas das funcións do servizo que se podían empregar dende a web, como pode ser marcar unha mensaxe coma correo lixo ou destacala cunha estrela (xeito empregado para marcar as mensaxes máis importantes para facilitar a súa ulterior revisión), e mesmo buscar entre as mensaxes recibidas.
Esta nova versión da aplicación para móbiles de GMail mellora especialmente permitindo unha carga moi rápida, o que aínda notarán mellor os usuarios de telefonía UMTS. En vista do atractivo desta aplicación xa se rumorea que algúns fabricantes norteamericanos a incluirán de serie nos seus terminais, de xeito que se espallará o seu uso de xeito substancial.
Os usuarios que desexen acceder ó seu correo en GMail valéndose desta nova aplicación a poden instalar de xeito doado accedendo co navegador WAP do seu móbil ó enderezo http://gmail.com/app.