Microsoft declara a guerra ao scareware

venres, 2 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

O equipo de seguridade de Windows anunciou que a partires do 1 de marzo iniciará medidas activas a través do antivirus do sistema operativo e outros produtos de seguridade de Microsoft contra o chamado scareware, ou sexa, que clasificarán como software non desexado aos programas que amosen mensaxes coercitivos, como unha medida para protexer aos consumidores.
Microsoft veuse obrigada a tomar este tipo de medidas ante o incremento de versións de balde de aplicacións informáticas que, co obxectivo de detectar problemas nos ordenadores, tenden a utilizar chamadas alarmantes instando aos usuarios a mercar unha versión de pagamento das mesmas aplicacións. Estas ferramentas chámanse normalmente limpadores (cleaner) ou optimizadores, e pretenden arranxar problemas detectadas polas versións de balde do software.
As mensaxes que presentan estas aplicacións empregan o medo para enganar e presionar aos consumidores, polo que este tipo de práctica pasará a estar vetada por Microsoft, que actuará contra aplicacións que coaccionen aos usuarios con mensaxes que esaxeren ou alarmen para levar aos usuarios a buscar unha solución (pagando ou mediante outras accións), que suxiran que non hai outro xeito de arranxar o erro detectado e que requira ao usuario a actuar nun tempo limitado para poder resolver o problema.

PUBLICIDADE