Microsoft e Novell soterran as armas na súa rivalidade sobre Linux e outros asuntos

venres, 3 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Todo semella estar ben na casa dos grandes da Rede, se o fotograma final da longa historia do conflito entre Microsoft e Novell vai ser unha aperta de mans.
Esteamos ou non perante ante o verdadeiro final desta rivalidade, o certo é que parece que os internautas e usuarios, que son os que sempre acaban recibindo as labazadas, desta vez van saír gañando con este acordo. Porque, a fin de contas, o entendemento entre as dúas empresas (posto no papel oficialmente este xoves 2) vai permitir que o software de código aberto Linux corra en Windows.
Ademais, o xigante de Redmond asegura que vai poñer fin ás demandas sobre patentes contra os clientes de Suse Linux, o sistema operativo de Novell. Isto polo que respecta ós compromisos de Microsoft, e como non hai entendementos sen concesións dende ámbalas partes, Novell entende que xa é hora de soterrar as armas.
Cómpre sinalar que este é o segundo acordo que asina a firma de Bill Gates cunha compañía de programas de open source no prazo dunha semana, o que podería indicar certa vontade da devandita multinacional por aceptar a seguinte realidade: os usuarios de Linux cada día son máis.
E isto non o di Código Cero, senón o propio Brad Smith, conselleiro xeral de Microsoft: “Cremos que o software de código aberto representa un papel importante na nosa industria, e que está aquí para quedarse”.

PUBLICIDADE