Miñones visita o Centro Tecnolóxico Gradiant para coñecer o alcance do proxecto Open-VERSO

luns, 9 de maio do 2022 S. P.

O Centro Tecnolóxico Gradiant, emprazado en Vigo, recibiu a semana pasada a visita do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen tivo a oportunidade de coñecer polo miúdo as liñas de traballo actuais do centro e, máis concreto, as do proxecto que desenvolve ao abeiro do programa Cervera de apoio á I+D e impulsado polo Ministerio de Ciencia: o proxecto Open-VERSO. Miñones acudiu na compaña da secretaria xeral de Innovación do dito Ministerio, Teresa Riesgo.
Segundo lembraron os responsábeis de Gradiant, Open-Verso traballa sobre as redes móbiles, en concreto na implementación dunha rede integral 5G. O Ministerio de Ciencia e Innovación subvenciona a totalidade do proxecto, no que cooperan varios centros nacionais, con 2,3 millóns de euros dos que 757.800 destínanse ao centro situado na cidade de Vigo.
O Programa Cervera é unha liña específica para centros tecnolóxicos, impulsado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e o Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI). O obxectivo deste programa, que lanzou xa dúas convocatorias, é apoiar a investigación aplicada e orientada ao mercado. José Miñones subliñou “que o máis relevante do Cervera é posibilitar que as investigacións destes centros tecnolóxicos teñan un impacto directo sobre a industria, tanto no proceso de fabricación como no produto final”.
Nos dous últimos anos esta liña de axudas beneficiou a 6 centros de excelencia tecnolóxica de Galicia: Aimen, Gradiant, Instituto Tecnolóxico de Galicia, Clúster da Acuicultura, Centro Técnico de Fabricación de Produtos de Pesca (ANFACO) e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia. Os proxectos que se subvencionaron xa están en desenvolvemento e os primeiros concedidos finalizan este mesmo ano 2022.
José Miñones detallou que estas investigacións abranguen temáticas diferentes e de gran relevancia na actualidade: a implementación de redes móbiles 5G; a incorporación de tecnoloxías robóticas aos procesos de fabricación; o desenvolvemento de novos alimentos derivados da pesca e a seguridade alimentaria na acuicultura; o coche autónomo; a Intelixencia Artificial, ou o desenvolvemento de comunidades locais de xeración e almacenamento de enerxías renovábeis.
“Esta participación de centros de Galicia convídanos a ser optimistas ante a próxima convocatoria de axudas Cervera deste ano”, sinalou o delegado, á vez que lembrou que o Ministerio de Ciencia e Innovación destinará 40 millóns de euros para conceder estas novas subvencións.
Máis detalles de Open-VERSO
Open-VERSO é un proxecto a tres bandas (impulsado por Vicontech, i2CAT e Gradiant) para “facer avanzar a evolución das redes móbiles de tecnoloxía 5G”. En concreto, a través del búscase deseñar e desenvolver unha arquitectura con capacidade de adaptarse a todo tipo de contornas mediante a evolución dun conxunto de tecnoloxías transversais base que permitirán a aplicación de conceptos avanzados non dispoñíbeis comercialmente. Por exemplo, a serie de tecnoloxías que se están a habilitar no proxecto estará relacionada coa Intelixencia Artificial, a xestión avanzada de redes 5G e a propia evolución de tecnoloxías dos estándares nas que se basean.
“Nunha rede orientada ao servizo como é 5G resulta fundamental proporcionar recursos diferenciados a cada un dos sectores nos que fará impacto a tecnoloxía”, apuntou recemente o centro tecnolóxico vigués, engadindo que Open-VERSO realiza probas de concepto e desenvolvemento de prototipos que se validan mediante aplicacións funcionais e visualmente atractivas.


PUBLICIDADE