Movistar activa a tecnoloxía RTT na súa rede de telefonía móbil

venres, 3 de outubro do 2025 Redacción

Movistar vén de activar en España unha funcionalidade pouco coñecida pero de gran valor social: as chamadas de texto en tempo real, coñecidas como RTT (Real-Time Text), sobre redes 4G e 5G. Esta tecnoloxía permite que dúas persoas se comuniquen por escrito durante unha chamada telefónica convencional, sen necesidade de abandonar a aplicación de teléfono nin empregar datos móbiles.
A diferenza das mensaxes tradicionais, o texto aparece carácter a carácter na pantalla do receptor, en tempo real, incluso cando se borra ou se corrixe. Esta inmediatez fai que RTT sexa especialmente útil para persoas con dificultades auditivas ou de fala, xa que substitúe os antigos terminais TTY e permite unha comunicación máis fluída e integrada. Ademais, a chamada pode manter o audio activo ou silenciado, segundo as necesidades de cada usuario.
Movistar é a primeira operadora en España en habilitar esta opción na súa rede móbil, o que supón un avance significativo en termos de accesibilidade. A funcionalidade está dispoñible tanto en dispositivos Android como en iOS, sempre que se conte con cobertura 4G ou 5G e se teña activado VoLTE ou VoWiFi.
Por agora, as chamadas RTT só funcionan entre clientes da propia operadora, pero a súa implementación podería estenderse a outras compañías, resultando de especial importancia de ampliarse esta tecnoloxía a servizos de emerxencias, aínda que en mercados como o español onde o uso de WhatsApp é masivo pode resultar irrelevante a implementación deste tipo de tecnoloxía por descoñecemento da súa existencia pola meirande parte dos usuarios (como acontece, por exemplo, coas mensaxes RCS, que baixo a marca Joyn foron un grande fracaso).