Movistar amplía a cobertura da súa rede de fibra óptica en Avión

venres, 7 de agosto do 2020 Redacción

A casa consistorial de Avión fotografada por Adrián Estevez.

Telefónica segue a ampliar a cobertura de FTTH en Avión coa conexión de 377 vivendas e locais que a partir de agora xa dispoñen desta tecnoloxía. As novas unidades inmobiliarias en cobertura sitúanse en tres núcleos de poboación (Barroso, Abelenda e Cernadas), e supón dotar de cobertura ao 45% do municipio.
A posta en cobertura destes fogares, que xa foi comunicada ao alcalde do municipio, Antonio Montero, significa que poderán gozar da fibra óptica de Movistar, que ofrece voz con alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos (computador, tableta, móbil…) simultaneamente sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes. Ademais, se o usuario dispón de Movistar+, terá acceso a canles de alta definición e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet. Igualmente conseguirá a máxima velocidade e resposta nos xogos en rede.
Segundo explica o director de Territorio Norte de Telefónica, Javier Zorrilla, «chegou unha infraestrutura de telecomunicacións de última xeración que contribuirá ao benestar dos cidadáns e ao desenvolvemento do municipio. Agradecemos a colaboración e a predisposición do Concello á hora de conceder os permisos necesarios para levar a cabo o despregamento dunha rede que se demostrou fundamental durante a crise do COVID-19».
O despregamento nos novos fogares que entran agora en cobertura está impulsado polo Ministerio de Economía a través do Plan Nacional de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración (PEBANG). Telefónica continúa así coa súa política de colaboración público-privada para situar a Galicia á vangarda en infraestruturas de telecomunicacións de última xeración. A finais de 2019, o 40% da poboación da provincia de Ourense contaba con cobertura de fibra óptica (FTTH) de Movistar, o que supuxo un total de 107.298 vivendas e negocios e un 23,78% máis que no exercicio anterior.
A previsión é que na provincia de Ourense entren este ano en cobertura outras 47.574, tamén en núcleos dispersos e orograficamente complexos, aumentando en máis dun 44,34% a poboación da provincia que poderá gozar da fibra óptica de Telefónica.

PUBLICIDADE