Movistar anuncia unha nova entrega do seu certame literario por SMS

xoves, 23 de outubro do 2008 Raquel Noya

No marco da recente celebración do Día da Hispanidade, Telefónica, a Universidade de Alcalá e a Fundación do Español Urxente (Fundéu BBVA), veñen de convocar o III Concurso Literario de Hiperbreves Movistar de mensaxes curtas a móbiles (SMS), un certame nacional que pretende protexer e estimular o bo emprego da lingua castelá e poñer as novas tecnoloxías ao servizo da cultura.
Os interesados en participar tan só teñen que enviar dende o seu teléfono móbil unha mensaxe de texto ao número 7212 a modo de relato completo precedido das siglas RE e un espazo en branco antes do corpo do texto.
A continuación, o autor recibirá un SMS da organización cun código que identificará o seu “hiperbreve” e que deberá conservar ata o fallo do concurso. Os traballos poderanse enviar ata o vindeiro 16 de novembro, data na que un xurado, presidido polo poeta Tomás Segovia, deberá ir decidindo cales son os SMS que máis posibilidades teñen para facerse co primeiro posto.
Nos dez días posteriores á finalización do concurso, o xurado fará público o nome do gañador deste peculiar concurso literario, que será galardoado cun premio en metálico de 1.500 euros e un teléfono móbil.
Asemade, haberá catro finalistas que recibirán cadanseu móbil de última xeración.
Mostra da notoriedade que, ano tras ano, foi adquirindo este certame, son as cifras de participación, que na primeira edición ascenderon a 975 relatos de 586 autores distintos, e no 2007 se incrementou nun 25 por cento, recibindo un total de 1.342 relatos.