Movistar lidera a banda larga móbil en España segundo a Asociación de Internautas

luns, 14 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Puntuación media global da calidade da banda larga móbil nos operadores con rede propia

Froito da colaboración entre a Asociación de Internautas e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) danse a coñecer os resultados do II Estudio sobre a Banda Larga Móbil desenvolvido por esta Asociación (e dispoñible para a súa descarga en PDF), sustentado nos datos de calidade publicados polos operadores con rede, ante a imposibilidade de reunir un volume de mostras de todas as tecnoloxías de banda larga móbil nun amplo ámbito territorial.
Segundo este informe, o operador Movistar sería o que ofrece unha maior calidade na súa banda larga móbil conseguindo unha nota global de 8,10 puntos sobre 10, mentres que Yoigo e Vodafone conseguirían 6,09 puntos e Orange 5,38 puntos, quedando estes 3 últimos operadores por debaixo da media (6,41), situación provocada pola grande diferenza entre o caudal de descarga obtido e a velocidade ofertada. Por exemplo, para conexións de 7,2 Mbps temos que Movistar acada o 101% da velocidade prometida, mentres que Orange queda no 78% e Vodafone no 64%; resultando moito máis pronunciadas as diferenzas a velocidades maiores, pois en conexións de 42 Mbps Vodafone e Orange quedan no 39% e o 31% respectivamente. Para conexións de 21 Mbps Orange só consegue un 43% da velocidade prometida, e Yoigo queda só nun 25% con velocidades medias de 5,24 Mbps. Estes resultados deixan constancia de que queda moito por mellorar neste eido.
Sobre os servizos de atención ao cliente, os tempos de resolución de reclamacións e atención e frecuencia das mesmas conseguen unha puntuación media de 5,9, podendo destacarse que por debaixo quedan Orange (5,4) e Vodafone (4).
No que a prezos se refire, o custo medio dos megabytes transferidos sen limitación de velocidade van dos 0,0065 euros do contrato de Movistar ata os 0,17 euros da modalidade de tarxeta de Vodafone, aínda que resulta complicado analizar este factor, porque normalmente os datos móbiles veñen asociados a unha oferta combinada que inclúe voz e mensaxes de texto. Analizando este último tipo de ofertas teríamos que Movistar volve estar sobre a media con 8 puntos, a preto de 2 puntos de Orange, e a2,5 puntos de Vodafone.
Aínda que en prezos e prestacións os 3 principais operadores saen case empatados, o servizo de atención ao cliente e as velocidades son a que provocan as disparidades reflectidas na calidade destes servizos.