Movistar mellora a súa tarifa reducida para terminais BlackBerry

luns, 3 de maio do 2010 Marcus Fernández

As operadoras de telefonía móbil están a competir na oferta de tarifas de datos para terminais BlackBerry a un prezo reducido pensando nos usuarios menos activos, lanzándose agora a nova Tarifa Reducida BlackBerry de Movistar, que cunha cota de 6 euros/liña/mes + IVE inclúe ata 10 Mbytes de tráfico de correo electrónico e Internet, facturando o tráfico excedente a 2 euros/Mbyte + IVE ata un máximo de 36 euros/mes + IVE. Estamos así ante un plan de prezos orientado a usuarios particulares en vez de a profesionais, como era o habitual no caso dos terminais BlackBerry, no que parece unha iniciativa para captar a un público afeito ao intercambio de mensaxes de texto, que podería mudar o SMS polo e-mail móbil.
Movistar tamén conta cunha Tarifa Plana BlackBerry por 20 euros/mes, con tráfico ilimitado, pensando nos usuarios máis esixentes e activos, e de cara á captación de novos clientes, a operadora tamén oferta un terminal BlackBerry Curve 8520 dende 0 euros, acompañado por unha campaña de promoción da nova película de Robin Hood protagonizada por Russell Crowe e da que Movistar está a sortear entradas para a súa preestrea.