Movistar supera a MásOrange en antenas 5G
martes, 31 de decembro do 2024
O feito de que MásOrange sexa a fusión de MásMóvil e Orange levou a que conseguisen unha impresionante rede de telecomunicacións conxunta, pero Movistar non pisou o freo no último ano, e agora pode presumir de ter superado á competencia en número de estacións instaladas na banda dos 700 MHz e dobrar o número de estacións na banda dos 3,5 GHz.
Movistar ten actualmente 9.847 estacións base activas na banda dos 700 MHz, mentres que MásOrange ten 9.802 e Vodafone 6.927, o que supón unha mellor cobertura xeográfica, especialmente en zonas pouco poboadas e rurais.
Até hai pouco Movistar quedaba por detrás na banda dos 700 MHz xa que Orange estaba a empregala con maior intensidade que o resto de operadores para mitigar a conxestión das súas redes, pero nos últimos meses a expansión desta rede de antenas foi moi superior no caso de Movistar, que conseguiu collerlle a dianteira (no último ano e medio MásOrange instalou 3.453 antenas, mentres que Movistar colocou 4.500).
Cómpre salientar que Movistar está a realizar boa parte desta despregadura de antenas por compromisos regulatorios, de xeito que ten a obriga de contar cunha cobertura máis ampla. Movistar non só ten que contar con maior cobertura por mor das condicións da poxa polas frecuencias de 5G, senón tamén por resultar adxudicataria de dous concursos de despregadura de 5G en zonas rurais (con fondos europeos).