Mundos Dixitais achéganos o último en animación, videoxogos, efectos especiais, realidade virtual e arquitectura dixital

mércores, 8 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Mañá bota a andar no recinto de PALEXCO na cidade da Coruña a XIV edición do Festival Internacional Mundos Dixitais, que até o sábado xuntará aos mellores profesionais do mundo da creación dixital e amosará as últimas novidades en animación, videoxogos, efectos especiais, realidade virtual e arquitectura 3D. Para avanzar os contidos deste encontro esta mañá o director do evento, Manuel Meijide, acompañado polo xerente de IGAPE IP, José Manuel Fernández, deron conta do que os asistentes poderán ver esta semana e das oportunidades que este tipo de xornadas abren.

Foro de emprego

José Manuel Fernández, xerente de IGAPE IP, salientou o posicionamento de Mundos Dixitais “como un dos tres congresos máis importantes de Europa no ámbito da creación dixital”, engadindo que “pensamos que este tipo de congresos son unha moi boa oportunidade de colaborar entre empresas, para que os novos emprendedores e estudantes poidan acceder a unha serie de tecnoloxías que é difícil ver todas xuntas nun único punto” xa que “as escolas, empresas e centros tecnolóxicos galegos van ter a oportunidade de interactuar cos principais referentes do mundo da animación dentro das sesións do congreso”.
Tamén quixo destacar especialmente que “o foro de emprego que se vai realizar en paralelo con este congreso será unha boa oportunidade para os recentemente titulados e para todos aqueles mozos que estean a buscar cal pode ser a súa saída dentro do seu ámbito profesional para chega a buscar espazos de traballo ou incluso presentar as súas iniciativas emprendedoras”.

Programa de actividades moi completo

O programa do festival conta con numerosas novidades e proxeccións, así como a presenza de produtoras internacionais de grande importancia. Pasarán polo PALEXCO responsables de producións como Hotel Transilvania 2, Juego de Tronos, Guardianes de la Galaxia ou Los Vengadores; e grazas ao acordo cos seus creadores, a imaxe desta edición de Mundos Dixitais será a do filme Atrapa la bandera, dos creadores de Las aventuras de Tadeo Jones, e que podería ser un dos grandes éxitos do verán.
O director de Mundos Dixitais, Manuel Meijide, destacou que “quixemos ter un apartado especial dedicado aos efectos especiais para series de televisión. Estamos a ver como cada vez están a coller máis auxe, máis importancia, e están a comer moito terreo ás longametraxes e realmente hai un grande número de series de televisión onde se está a investir cada vez máis, e quixemos ter os dous exemplos quizais máis relevantes como podes ser, a nivel nacional El Ministerio del Tiempo, cuns efectos especiais moi potentes (realmente xa é unha produción importante a nivel internacional en efectos especiais), e a outra son os efectos especiais de Juego de Tronos. Teremos a unha empresa alemá que fixo boa parte dos escenarios, os sets... e veremos como é sorprendente o pouco escenario real que hai nunha produción destas e, sobre todo, o máis importante é que estamos afeitos a velo en longametraxes, pero agora está implantado nas series de televisión (..) o que repercute en que as series teñen un investimento maior en efectos visuais e ábrese un campo que até o de agora era máis reducido”.
Entre as proxección que se realizarán estes días destaca a de Yellowbird, longametraxe francesa que se estrea así en primicia en España. Tamén se presentará unha produción creada especialmente para Mundos Dixitais por Stash Media na que realízase un percorrido polas mellores cinemáticas para videoxogos dos últimos anos.
Mundos Dixitais tamén esténdese até a sede de Afundación, onde será posible ver a exposición Heroes Animados, cunha mostra do proceso de creación de personaxes animados creados por Grangel Studio para proxectos como La Novia Cadáver de Tim Burton, Madagascar, Kung Fu Panda, El Dorado ou El Príncipe de Egipto. No auditorio de Afundación tamén poderán verse proxeccións dalgunhas das mellores pezas de animación, efectos especiais en publicidade e videoxogo dos últimos anos.
Na presente edición de Mundos Dixitais concederase o seu Premio Especial como distinción profesional do sector en recoñecemento á súa traxectoria profesional e achegas ao mundo da creación dixital a Sergio Pablos, director e fundador de The SPA Studios e supervisión de animación de producións como Tarzán, El Jorobado de Notre Dame, Hércules ou El Planeta del Tesoro, sendo tamén o encargado da idea orixinal e a produción executiva de Gru, Mi Villano Favorito (agora de actualidade coa estrea dun spin-off protagonizado polos Minions).

Sergio Pablos, o creador de Gru, Mi Villano Favorito (de onde saíron os Minions) recibirá este ano o Premio Especial de Mundos Dixitais

XOVES
MAÑÁ
10:00 - 10:30 Cerimonia de apertura
10:30 - 11:30 A forma da luz. A grande maxia de crear a ilusión da tridimensionalidade
Ciro Sannino · Founder · 5SRW
11:30 - 12:30 A iluminación creativa. Un enfoque fotográfico innovador para crear imaxes espectaculares.
Nikos Nikolopoulos · Founder - Creative Lighting
13:00 - 14:00 Animando en “Hotel Transilvania”. ¿Quen dixo medo?
Martín Esnaola - Lead Animator - Sony Pictures Imageworks

TARDE
16:00 - 17:30 Innovación e creatividade nas aulas
18:00 - 19:00 “Yellowbird”: Unha película de CG estereoscópica con selo europeo e independente: caso de estudio
Christian De Vita - Director / Marie-Pierre Journet - Post Production Manager – TeamTO
19:00 - 20:30 “Yellowbird” (proxección)

VENRES
MAÑÁ
9:30 - 10:30 Best of VIEW Awards 2014 (proxección)
10:30 - 11:30 Deep compositing. Viaxando á terra prometida do compositor
Cuco Burés - Founder - Given Pixels
11:30 - 12:30 Toureando titáns. O concepto creativo: un modelo de traballo innovador para un estudio de animación
Raúl Carbo - Studio Director / Tim Martin - CEO - In Efecto
13:00 - 14:00 Juego de Tronos. Efectos visuais en TV
Jörn Grosshans - VFX Supervisor - Mackevision Medien Design

TARDE
16:00 - 17:00 A secuenciación de imaxes e a previsualización de “Los Pingüinos de Madagascar” de Dreamworks
Conan Low - Visual Consultant, Digital Cinematography - Ilion Animation Studios
17:00 - 18:00 MPC presenta: Yo soy Groot
Ben Jones - Character Supervisor – MPC
18:30 - 19:30 “The Witcher 3”: O pipeline entre a vida e a morte ’The Witcher 3’
19:30 - 20:30 Play the game, push the limits. Once upon a cinematic (proxección)
Stashmedia

SÁBADO
MAÑÁ
10:00 - 11:00 A postproductora que fai realidade as viaxes o tempo
David Heras - VFX Supervisor / Charly Puchol - VFX Film Producer - User T-38
11:00 - 12:00 Realidade virtual sen límites (Sick VR)
Andrew Daffy - Founder - The House of Curves
12:00 - 13:00 A vida animada por ordenador
Hidetaka Yosumi - Character Technical Supervisor - Ilion Animation Studios
13:30- 14:30 Transmitindo emocións en “Atrapa la Bandera”
Maxi Díaz - Animation Supervisor- Lightbox Entertainment

TARDE
16:00 - 17:00 Concepción e desenvolvemento de proxectos
Sergio Pablos - Creative Director and CEO - The SPA Studios
17:00 - 17:30 “Cuerdas”. Unha viaxe emocional
Pedro Solís – Director
18:00 - 18:45 Proxección finalistas - CGArchitect Film Festival
18:45 - 19:30 Proxección finalistas - Festival Internacional de Animación
20:00 - 21:00 Cerimonia de entrega de premios
3DAwards - Festival Internacional de Animación Premio Especial Mundos Digitales 2015 | Sergio Pablos
21:30 - 24:00 Cóctel de despedida

PUBLICIDADE