#NeThinking volverá a reflexionar sobre comunicación e contidos dixitais na Illa de San Simón
mércores, 23 de abril do 2014
Como xa avanzamos hai tres semanas, os vindeiros días
25 e 26 de abril desenvolverase unha nova edición de #NeThinking, encontro
na Illa de San Simón que poderá seguirse remotamente a través de streaming e de redes sociais, e no que
comunicadores e expertos na Internet debaterán sobre os novos medios, hábitos e
modelos de consumo de contidos dixitais.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús
Vázquez, foi o encargado de presentar onte a cuarta edición de #NeThinking,
destacando que con esta actividade “preténdese crear un marco de reflexión
sobre os desafíos que as novas tecnoloxías supoñen para conceptos tradicionais
relacionados coa cultura, co proceso ensino-aprendizaxe, coa linguaxe ou co formato
dos medios de comunicación”.
Entre os participantes en #NeThinking
destacan o publicista e comunicador Risto Mejide; o director xeral da Fundación
del Español Urgente, Fundeu, Joaquín Müller; e os profesores Miguel Ángel López
Hematocrítico e Joaquín Rodríguez. Compartirán
as súas impresións con expertos como Ismael El-Qudsi, Mario Tascón ou Javier
Celaya, xornalistas e creadores como Raquel Martos ou Julián Hernández e
expertos en medios dixitais como Marilín Gonzalo ou Eduardo Arcos.
A inauguración oficial do encontro terá lugar o venres ás 16:30 horas,
celebrándose nesa xornada un par de mesas redondas que abordarán os Novos Medios de Comunicación (analizando
as novas tendencias nos medios en liña) e o enfrontamento Creador vs Usuario (achegándose aos dereitos do creador e do
usuario e á Lei de Propiedade Intelectual).
A xornada do sábado comezará ás 10:00 horas cun debate sobre Creatividade e Contidos no que
participarán Risto Mejide e Miguel Ángel López Hematocrítico, contando con Marilín Gonzalo como moderadora. A esta
conversa seguiraa outra sobre Educación
Dixital, que pechará a sesión matinal. Durante a tarde Eduardo Arcos e
Risto Mejide discutirán sobre Emprender
na Internet e, como última mesa de debate, teremos aos galegos Javier Pedreira Wicho e Julián
Hernández Falando do Futuro.
A todas estas conversas seguiralles unha lectura de conclusións da man de Raquel Martos, xornalista e
guionista que xa participou en anteriores edicións de #NeThinking.
