Netflix rexeita mellorar a oferta de Paramount pola Warner

xoves, 26 de febreiro do 2026 Redacción

Pese a ter un acordo definitivo de compra por Warner Bros., o mes pasado Netflix aceptou mellorar as condicións da súa oferta, pero tras a presentación dunha nova proposta por parte de Paramount Skydance que o consello de administración de Warner Bros. Discovery (WBD) considerou superior, Netflix anunciou que non incrementará a súa oferta, lembrando que o acordo de fusión segue vixente.
Nun comunicado asinado polos co-CEO Ted Sarandos e Greg Peters, a plataforma de streaming sinala que a operación negociada inicialmente «tería creado valor para os accionistas cun camiño claro cara á aprobación regulatoria», mais subliña que, ao prezo necesario para igualar a oferta rival, a transacción «xa non resulta financeiramente atractiva», polo que decide non igualar a poxa.
Netflix agradece expresamente a David Zaslav, Gunnar Wiedenfels, Bruce Campbell, Brad Singer e ao consello de WBD o que cualifica como «un proceso xusto e rigoroso», e defende que tería sido un «bo custodio» das marcas icónicas de Warner Bros., fortalecendo a industria do entretemento e preservando e creando máis emprego na produción audiovisual nos EE.UU. Con todo, matiza que se trataba dun movemento «conveniente ao prezo adecuado, non imprescindible a calquera prezo».
A empresa recalca que o seu negocio continúa «saudable, sólido e en crecemento orgánico», impulsado polo seu catálogo e pola súa plataforma de streaming. Para este exercicio prevé investir arredor de 20.000 millóns de dólares en filmes e series de calidade, ademais de ampliar a súa oferta de entretemento. En liña coa súa política de asignación de capital, tamén retomará o programa de recompra de accións.
A decisión de Netflix deixa vía libre á proposta de Paramount Skydance (que incluía o pagamento das sancións por incumprir o acordo pechado con Netflix e compensacións en caso de non conseguir pechar a compra), que agora se perfila como a opción preferente polo consello de WBD. A evolución das negociacións e o eventual peche da operación dependerán agora do cumprimento das condicións pactadas, incluíndo a aprobación dos accionistas e das autoridades reguladoras competentes.