Nikon Z6, a cámara sen espello de Nikon máis asumible

xoves, 15 de novembro do 2018 Marcus Fernández

En setembro chegou ao mercado a primeira cámara sen espello de Nikon, a Nikon Z7, con prezos que roldan os 3.170 euros (só o corpo), pero os que queiran un modelo algo máis asumible da mesma marca teremos a partires de mañá mesmo a Nikon Z6, que considerase como unha revisión económica que custa preto de 2.460 euros (só o corpo).
Aínda que externamente as cámaras son moi semellantes, os cambios entre ambas cámaras son bastante importantes, especialmente no que a resolución se refire, pois a Z7 ten un sensor de 45,7 Mpíxeles, mentres que a Z6 confórmase con 24,5 Mpíxeles.
No tocante ao vídeo, ambas poden gravar en ultra alta definición e, aínda que xa teñen varios obxectivos para estas novas cámaras (montura Z), tamén é posible adquirir un adaptador para poder empregar obxectivos NIKKOR de montura F, o que incrementa as posibilidades destas cámaras.
A Nikon Z6 pode disparar instantáneas con sensibilidade ISO de entre 100 e 51.200, dispara até 12 imaxes por segundo, integra estabilización óptica de 5 eixes e conta con conectividade Wi-Fi a 5 GHz. Unha cámara bastante completa, que capta imaxes cunha grande calidade e que consegue reducir o seu prezo até un nivel que permita certa competencia coa Sony A7 iii, cámara á que están a fuxir moitos usuarios de Nikon (e doutras marcas).

JPEG - 57.7 KB
A Nikon Z6 funciona con obxectivos NIKKOR de montura Z, pero a marca tamén comercializa un adaptador para poder aproveitar obxectivos de montura F

PUBLICIDADE