Nintendo adianta boa parte do calendario de lanzamentos para Nintendo Switch
mércores, 14 de xuño do 2017
Un ano máis Nintendo non fai unha conferencia en si mesmo
durante o E3, senón que anuncia
as súas novidades en forma de vídeo, reservando o espazo na feira para que
os asistentes poidan vivir experiencias de primeira man. Este ano resultaba especialmente
interesante, por ser o primeiro no que a Nintendo Switch está no mercado, e a
compañía xaponesa non decepcionou presentando numeroso material que poderemos
degustar nos vindeiros meses e entre os que non faltaron pequenas sorpresas.
Por unha banda temos un novo tráiler de Super
Mario Odyssey, aventura en 3D de mundo aberto protagonizada por Mario, que
volve así a un xénero que tiña abandonado dende hai 15 anos, e que incluso
contou cunha versión de demostración en Los Ángeles, de xeito que os comentarios
sobre este título non se fixeron esperar e parece que será o grande xogo para
Nintendo Switch da campaña de Nadal, confirmándose que o 27 de outubro chegará
ás tendas acompañado por tres figuras amiibo (Mario, a Princesa Peach e Bowser
vestidos de voda).
O xogo convidaranos a visitar distintos reinos en 3D nos que recoller lúas que
servirán de combustible para a aeronave de Mario, a Odyssey. Deste xeito
percorreremos contornos nos que interactuar de xeitos moi diversos, poderemos
vestir diferentes indumentarias e incluso contaremos con Cappy, un novo
compañeiro que outorgará novos movementos. Un título francamente prometedor que
demostrará a solvencia da Nintendo Switch como consola para grandes xogos e non
só como unha Wii U con posibilidades portátiles.
A Nintendo Switch tamén contará con xogos como Mario + Rabbids Kingdom Battle (título anunciado
por Ubisoft estes días), Pokkén
Tournament DX (versión dun xogo de loita de Wii U que estará dispoñible o
22 de setembro) e EA Sports FIFA 18
(xogo de fútbol que verá a luz o 29 de setembro), que xa teñen datas de
lanzamento fixadas, mentres que outros xogos como Xenoblade Chronicles 2, Rocket
League e The Elder Scrolls V: Skyrim
chegarán ao longo do inverno, Fire Emblem
Warriors no outono e o novos xogos de Yoshi e Kirby chegarán durante 2018.
Os seareiros de Samus Aran tamén teñen boas novas, xa que adiantouse que Metroid II: Return of Samus, clásico de
Game Boy lanzado en 1992, contará cunha versión para Nintendo 3DS titulada Metroid: Samus Returns, aínda que a
grande sorpresa para moitos foi saber que estaba en preparación para Nintendo
Switch Metroid Prime 4, xogo do que
só se coñece o logotipo.
De Metroid:
Samus Returns cómpre salientar que este xogo é
froito da colaboración de Nintendo cun dos estudos españois máis reputados,
MercurySteam. O xogo verá a luz o 15 de setembro, e inicialmente
recompensarase aos compradores cun código de descarga para facerse co xogo
orixinal de Game Boy na Nintendo eShop.
Sobre títulos xa lanzados, anunciouse que The
Legend of Zelda: Breath of the Wild contará cun par de paquetes con contido
descargable que poderán mercarse de xeito conxunto por 19,99 euros e que
chegarán o 30 de xuño e durante o vindeiro inverno respectivamente.

- O vindeiro día 30 sairá o primeiro DLC para The Legend of Zelda: Breath of the Wild
