Nintendo lembra que a Switch 2 non está preparada para funcionar con moita calor

luns, 4 de agosto do 2025 Marcus Fernández

Nintendo lembra que hai que procurar non obstaculizar a ventilación da Switch 2

No verán de 2022 tanto Nintendo como Valve advertían de que as consolas de videoxogos portátiles non estaba preparadas para empregarse a máis de 35º C, podendo chegar a danarse ao empregarse a temperaturas elevadas, e curiosamente Nintendo repite tal advertencia agora que está no mercado a Switch 2.
A compañía nipoa asegura que a Nintendo Switch e a Nintendo Switch 2 están preparadas para funcionar en lugares cunha temperatura ambiental de entre 5 e 35º C, lembrando que en lugares con temperaturas elevadas a consola pode quentarse excesivamente, especialmente se os seus orificios de ventilación están bloqueados (polo que cómpre vixiar como se suxeitan a consola). No caso de empregar a consola na súa base, conectada ao televisor, é preciso procurar que está nun lugar que permite a circulación de aire, para non acumular calor.
Nintendo está a realizar estes avisos porque o Xapón está a experimentar temperaturas máximas de ata 40º C, de aí que consideren oportuno advertir aos usuarios dos perigos de empregar unha consola portátil a unha temperatura ambiental elevada, especialmente en exteriores e baixo a luz do sol.
Nun principio as consolas cando detectan demasiada calor tenden a reducir o seu rendemento (polo que non ofrecerían unha boa experiencia de xogo) e incluso poden chegar a apagarse para a súa propia protección, pero en calquera caso, un uso continuado baixo altas temperaturas pode rematar deteriorando a máquina, e sería bastante desafortunado estragar unha Nintendo Switch 2 a poucas semanas do seu lanzamento simplemente por non ter un mínimo de sentidiño.