Nintendo podería estar a preparar 2 modelos novos da Switch

luns, 25 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Unha Nintendo Switch orientada á portabilidade podería ser a chave para termos unha consola máis económica

Mentres a Nintendo Switch consolídase como a consola de videoxogos de moda, a Nintendo 3DS perde pulo a unha velocidade maior da prevista por parte de Nintendo, compañía que confiaba en poder manter ambas plataformas a longo prazo, pero que finalmente entendeu que a 3DS estaba destinada a sucumbir, polo que agora estarían a iniciar unha nova estratexia segundo The Wall Street Journal que estaría baseada no lanzamento de dous novos modelos de Switch en breve.
O rumor do lanzamento dunha Nintendo Switch máis económica, enfocada principalmente ao xogo en mobilidade para coller o relevo da 3DS leva moito tempo dando voltas, pero agora comentan que podería presentarse na feira E3 e chegar ao mercado este mesmo verán acompañada por unha Nintendo Switch mellorada (aínda que cun rendemento semellante, para non segregar o mercado). Entre as funcións que podería perder a Switch económica estaría a vibración HD dos Joy-Con (e incluso é posible que prescinda da base para a súa conexión ao televisor).
Temos que lembrar que na campaña de Nadal estarán dispoñibles as primeiras entregas da serie principal de Pokémon para Switch, e dado que esta saga sempre impulsou a venda de consolas, resulta moi convinte que estea dispoñible unha versión económica da consola para poder chegar a un público máis amplo, mentres que os usuarios máis esixentes poderían querer unha máquina máis completa e de máis calidade (por exemplo, mellorando o brillo e o contraste da pantalla ou con algún lixeiro cambio de deseño para evitar problemas que foron detectándose na Switch orixinal).

A diversidade de modos de uso da Switch podería reducirse nun hipotético modelo económico

PUBLICIDADE