Nokia reforza a súa política polo ecolóxico ampliando a súa rede de recollida de trebellos

martes, 3 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

O verde, en tecnoloxía, non ten o mesmo significado ca no humano: no eido do dixital e do innovador, ser verde é definitivamente outra cousa. En parte, quere dicir que os trebellos cos que participamos no xogo da información teñen cada vez máis respecto por aquilo do que, por longo que fose o camiño, proceden eles e máis nós os seus usuarios: o medio natural. E malia que a aposta polo verde, de tan resultona nestes tempos de crise climática e económica, corra o risco de converterse nun lavado de face para unha industria que trata de reinventarse a si mesma (sobre todo no eido comercial), non está de máis que vaiamos dando conta das diferentes apostas das que se integra esta tendencia. Entre as de máis repercusión sitúase precisamente a estratexia da que para moitos usuarios é unha das máis respectadas casas fabricantes de móbiles do planeta: Nokia. A aposta non é nova, consolidouse sobre todo en 2007 coa distribución de repositorios en toda a súa rede de centros de reparación para a recolleita de material tecnolóxico usado, pero si que son novos os datos. Segundo vén de informar nun estudo sobre as medidas tomadas na empresa a prol do respecto polo medo, en 2008 foi quen de recoller 700 quilogramos de material para reciclar dentro do plan Nokia WE:Recycle e Tragamóvil.
A multinacional, que foi galardoada polo Mobile World Congress como a empresa con mellor contribución medioambiental, ten arestora 200 puntos verdes distribuídos por toda a xeografía de España, infraestrutura que a xuízo da propia empresa reflicte o seu compromiso por reducir o impacto destes refugallos: móbiles ou accesorios, cargadores, carcasas, auriculares, etc. Co obxectivo de que dar conta aos usuarios dos seus produtos de onde poden atopar o emprazamento de recollida máis próximo, o fabricante habilitou recursos na web oficial española e máis no espazo en liña da súa Fundación Tragamóvil.
Polo que respecta aos datos a nivel mundial, Nokia informa que segue a traballar arreo co programa de reciclaxe voluntaria de móbiles máis grande do mundo e que lles permite aos seus clientes devolver os seus terminais para un reemprego responsable en 5.000 centros Nokia Care de 85 países. Este traballo de (re)posta en valor do xa usado pódese levar a cabo de varios xeitos, e cómpre (a xuízo da empresa) desmentir a suposta falta de vantaxes dunha nova vida para o material obsoleto: cos materiais dos móbiles que xa non se usan pódense construír pezas para bicicletas, teteiras ou mesmo empastes dentais. Asemade, informa a empresa, o nivel de compoñentes que poden reempregarse para outros fins é dun 80% en calquera móbil do fabricante. O resto, plásticos máis que nada, pode servir de base para carburante no proceso de reciclaxe.