O 36% do Concello de Teo xa goza de cobertura de banda larga

luns, 30 de maio do 2011 Redacción

Máis de 1.300 veciños do Concello de Teo que carecían de acceso á Internet en 2010 contan agora con cobertura grazas ao Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta de Galicia polo que xa poden contratar conexións á Rede dende os seus domicilios, grazas ao despregamento de redes fixas que achegan o acceso á banda larga ao 36% desta poboación.
Ao comezo da aplicación do Plan o Concello de Teo contaba con 3.700 veciños sen acceso á Internet, e cando remate o mesmo en 2013 agárdase que preto do 90% poida beneficiarse das melloras da cobertura neste municipio da Comarca de Santiago.
Movistar encárgase de levar conexións de 6 Mbps á meirande parte de Teo, para o que recibiron unha subvención de 5,3 millóns de euros, pero no concello tamén terán acceso a outras conexións de maior velocidade, agardándose que grazas ao Plan a metade da poboación dos núcleos de Cacheiras, San Sadurnino e Os Tilos poidan gozar de conexións con velocidades de ata 100 Mbps.