O 55% dos galegos viven en zonas de alta competencia en fibra óptica

venres, 15 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Aínda que o operador O2 leva dende agosto dando o trámite por feito, a CNMC aprobou hoxe o novo regulamento dos mercados maioristas de fibra óptica, de aí que a marca de baixo custo de Telefónica aproveitase a xornada para estrear unha nova tarifa económica con limitacións territoriais.
Co novo marco a CNMC pasan de 66 a 696 os concellos situados en zonas con alta competencia en materia de fibra óptica, o que significa que nesas vilas a cota de Telefónica no mercado minorista é inferior ao 50% e existen cando menos 3 redes de nova xeración cunha cobertura mínima do 20%, o que libera a Telefónica de certas obrigas, o que permiten que lance así novas ofertas e mellore a competencia real (como se demostra coas novas tarifas de O2).
Coa decisión da CNMC pasaremos de ter alta competencia o 35% da poboación ao facelo o 70%, o que no caso galego pasa de limitarse á cidade de Vigo a incluír tamén ás poboacións de Ames, Arteixo, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Narón, Oleiros, Sada, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Cambados, Cangas, O Grove, Marín, Moaña, Pontevedra, O Porriño, Ponteareas, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, que suman unha poboación de 1.486.949 habitantes (o 55% da poboación galega), deixando en evidencia que a competencia das redes de fibra en Galicia está bastante por debaixo da media española.
O regulamento ten agora un período transitorio de 6 meses para a súa aplicación completa, e a CNMC comprométese a revisar as zonas non competitivas (ou incluso eliminar completamente as restricións que impón nas mesmas) dentro de 3 anos.

PUBLICIDADE