O CCG avanza cun especial online nas celebracións do centenario da revista Nós

martes, 30 de xuño do 2020 S. P.

A web do Consello da Cultura Galega (CCG) ten desde esta semana un novo apartado de seu: un especial online sobre a publicación que marcou para sempre o espertar e a consolidación da conciencia galeguista: a revista Nós, que, para quen non o saiba, celebra este 2020 o seu centenario. Olladas sobre nós é un especial web que ofrece “unha lectura actual da revista” a través das achegas de doce personalidades relevantes da cultura galega actual, que seleccionan e comentan diferentes artigos que foron publicados nesta revista entre 1920 e 1936.
O resultado é unha rigorosa e completa investigación da centenaria publicación desde un punto de vista científico, social, persoal ou cultural. As contribucións iranse publicando todos os martes na web do CCG até o 15 de setembro. Na primeira das entregas, Antón Santamarina analiza unha das seccións máis activas da revista: o Arquivo filolóxico e etnográfico de Galiza.

PUBLICIDADE