O CDTIC acolle a presentación dun par de programas de Red.es para PEME

luns, 18 de decembro do 2017 Redacción

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da AMTEGA acolle mañá unha xornada de presentación dos programas Asesores Dixitais e Oficinas de Transformación Dixital que se desenvolverá nas súas instalacións de Santiago de Compostela entra as 16:30 e as 18:00 horas, tempo no que Pablo Osuna, da Dirección de Economía Dixital en Red.es, encargarase de presentar as características dos devanditos programas e respostar ás as dúbidas formuladas polas persoas asistentes.
Esta xornada está destinada, principalmente, a xestores de PEME, provedores e asociacións empresariais. Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación móbil, dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde.

Os programas de axudas para a Transformación Dixital das PEME

A entidade pública Red.es vén de publicar as bases dos programas de axudas de Asesores Dixitais e das Oficinas de Transformación Dixital. Cada un destes programas está dotado cun orzamento de 5 millóns de euros, destinados á dixitalización das pequenas e medianas empresas, e contan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo de Crecemento Intelixente.
De Asesores Dixitais, cuxas bases poden consultarse na web de Red.es, van beneficiarse un mínimo de 1000 PEME, xa que os 5 millóns de orzamento estarán distribuídos en axudas de ata 5000 euros por empresa. Red.es achegará entre un 50 e un 80 % do custo do servizo, mentres que o resto correrá a cargo do beneficiario.
Pola súa banda, as futuras Oficinas de Transformación Dixital permitirán a creación dun máximo de 50 unidades repartidas por toda España. Están dirixidas a asociacións e colexios profesionais, co obxectivo de fortalecer o ecosistema de soporte ás persoas emprendedoras no ámbito dixital e á PEME en materia TIC. O importe mínimo da axuda é, neste caso, de 100 000 euros por cada entidade beneficiaria e o máximo de 200.000. As entidades deberán achegar un mínimo do 20% do orzamento subvencionable.

PUBLICIDADE