O CESGA acollerá un ciclo gratuíto de programación en Computación de Altas Prestacións

martes, 23 de xullo do 2013 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vai acoller os vindeiros meses de setembro e outubro unha serie de cursos de programación de HPC (siglas en inglés que designan a Computación de Altas Prestacións). O ciclo vén da man da Rede Galega de Computación de Altas Prestacións en colaboración co devandito centro galego, a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago. Segundo informa o CESGA, trátase dunha achega de actividades formativas de balde, encamiñadas á especialización dos nosos profesionais, profesores e estudantes na dita materia e no uso eficaz dos sistemas de HPC. Uns sistemas que, para facernos unha idea da súa importancia, están entre os recursos tecnolóxicos que sen dúbida amosan máis proxección de mercado para os vindeiros anos. De feito, a consultora IDC prognostica que a actividade produtiva da HPC medrará no seguinte lustro un 7%.
Para os organizadores destes cursos, este dato confirma a oportunidade que representa contarmos con formación nestes sistemas. O miolo destas actividades formativas basearase en achegar coñecementos de programación que permitan empregar de xeito eficaz estas infraestruturas de cómputo, que tamén serven para aproveitar as arquitecturas de computadores dispoñíbeis no mercado baseadas en procesadores multinúcleo, os co-procesadores baseados en GPUs ou o novo Xeon Phi de Intel. O ciclo, máis en detalle está dirixido a desenvolvedores de aplicacións técnicas ou de procesado de imaxes, científicos e investigadores que desenvolven aplicacións numéricas ou de procesado de imaxes, persoal técnico de apoio á optimización de aplicacións numéricas ou alumnado universitario que queira aprender programación científica.
Os cursos en cuestión son os seguintes:
· Compilación, Execución e Optimización de Programas Científicos. Datas: 9 e 10 de setembro de 2013.
· Programación en FORTRAN 90. Datas: 11, 12 e 13 de setembro de 2013.
· Programación paralela utilizando directivas OpenMP. Datas: 16,17,18,19 e 20 de setembro de 2013
· Programación de GPU con CUDA. Datas: 7 e 8 de outubro de 2013.
· Programación de Sistemas Heteroxéneos con OpenCL. Datas: 9 e 10 de outubro de 2013.
· Introdución á programación con MPI. Datas: 21, 22, 23, 24, e 25 de outubro de 2013.

PUBLICIDADE