O CITIC clausura cunha feira científica a 4ª edición de Talentos Inclusivos, este venres no Ágora
mércores, 12 de xuño do 2024
O Centro Sociocultural Ágora da Coruña vai acoller este venres 14, en horario de 11.00 a 14.30 horas, o acto de clausura da cuarta edición do proxecto Talentos Inclusivos. Terá formato de feira científica aberta a toda a sociedade. Exporanse os proxectos desenvolvidos polos 15 centros educativos participantes de toda Galicia.
Alumnado e profesorado dos institutos e usuarios de ASPACE Coruña e Amencer-ASPACE compartirán unha xornada de retos TIC no Centro Sociocultural Ágora co conxunto da poboación que queira achegarse a probar as solucións tecnolóxicas e coñecer de preto o potencial do proxecto Talentos Inclusivos.
Entre os proxectos desenvolvidos poderanse ver, entre outros, modelos de soportes de impresión 3D para o guiador da bici, unha cámara de fotos accesíbel, timbres sen aramios, pechaduras electrónicas, unha mesa para arteterapia e rehabilitación, adaptadores de xogos como o Simón di ou un ventilador holográfico.
Durante a celebración da feira celebrarase ademais unha xincana na que cada alumno ou alumna participante terá que responder preguntas sobre cada expositor. Entre os participantes con máis respostas correctas realizarase un sorteo. O primeiro premio será un dron e, o segundo, uns auriculares sen fíos.
Talentos Inclusivos, Solucións TIC a problemas cotiáns de persoas con parálise cerebral
Trátase dun proxecto colaborativo posto en marcha polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da Universidade da Coruña e ASPACE Coruña (Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral), co apoio do Consello Social da Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, a FECYT (Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. O proxecto ten o dobre obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria,bacharelato e Formación Profesional e, á súa vez, dar visibilidade á discapacidade. Para iso, creáronse grupos de traballo colaborativos formados por usuarios e usuarias de ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE e APAMP e estudantes de centros educativos de toda a comunidade, apoiados polo seu profesorado e persoal investigador do CITIC. Así, os usuarios e usuarias de ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE e APAMP propoñen diferentes retos tecnolóxicos para ser solucionados por parte do alumnado.
Programa de actividades
– 11:00 – 11:20 h – Benvida e atención aos medios no vestíbulo do Centro Ágora
Intervencións:
Manuel González Penedo, director do CITIC da UDC
Carmen Barreiro Santos, presidenta de ASPACE Coruña
Jesús Spósito, secretario do Consello Social da UDC
Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC
Judith Fernández Novoa, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia
Nereida Canosa Domínguez, concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas do Concello da Coruña
Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia
– 11:20 – 12:20h - Visita guiada polos expositores (15) dos centros participantes no proxecto
Entrega de diplomas e recoñecementos por parte das autoridades
– 12:20 – 13:00 h - Visita libre pola exposición dos proxectos
– 13:35 h– sorteo do premio ao gañador da xincana
– 14:30 h - Hora estimada de finalización