O CPEIG analiza en Compostela o fenómeno das redes sociais en Internet

luns, 20 de abril do 2009 Raquel Noya

A medida que medra o número de usuarios e usuarias das redes sociais en Internet, son máis os actos e obradoiros que se levan a cabo no noso país co obxectivo de analizar este fenómeno en liña que non deixa a ningún internauta indiferente.
Se o outro día anunciamos o inicio do Proxecto Brújula, un espazo escénico que levará información sobre o uso seguro das redes sociais por toda Galicia, hoxe tócanos presentar unha iniciativa do CPEIG, un organismo que non quixo manterse á marxe da problemática que está a xurdir en torno a este tipo de ferramentas en liña.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración co Concello de Santiago, a través da Concellería de Benestar Social e muller, van levar a cabo unha mesa redonda que, baixo o epígrafe de Redes sociais, a cara oculta dos amigos dos meus fillos, informará aos asistentes sobre os perigos das relacións virtuais a través de Internet, e máis concretamente, a través deste tipo de ferramentas.
O encontro terá lugar esta mesma tarde, a partir das 19:00 horas, no Auditorio de Galicia e a el acudirán, entre outros, a concelleira delegada de Benestar social e Muller do Concello de Santiago, Mar Martín García, mailo presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo.
Asemade, esta mesa redonda contará coa colaboración da psicóloga clínica do Departamento de Psiquiatría do Complexo Hospitalario CHUS, María del Carmen Fernández Eire, así como coa do tenente coronel da Garda Civil da Comandancia da Coruña, Eduardo Martínez Viqueira, responsable de execución do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade Escolar da Provincia da Coruña.
Este evento, que naceu a proposta do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, vai abordar a orixe e o alcance actual das redes sociais, así como a súa repercusión na xuventude.
A mesa redonda, á que poderán asistir de balde calquera persoa interesada en recibir información sobre os perigos das redes sociais, tamén servirá de escenario para debatir sobre a adición de moitos mozos e mozas do noso país ás mesmas.
A actualidade do debate sobre este tipo de aplicacións motivou que o CPEIG se puxera en contacto con outras institucións e concellos para organizar este mesmo evento noutras localidades de Galicia.