O CPEIG entrega o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino a FIRST LEGO League España

luns, 3 de xuño do 2024 S. P.

Será o vindeiro 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago cando teña lugar a celebración da XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, alí o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concederá o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino ao programa educativo internacional FIRST LEGO League España.
Esta iniciativa consiste nun programa educativo para colexios que fomenta as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos de 6 a 16 anos mediante experiencias de aprendizaxe baseadas en programación e robótica educativa.
Traballando por equipos, e a través do desenvolvemento dun proxecto de innovación e a construción e deseño dun robot, búscase recoñecer o esforzo e os logros dos máis pequenos nas áreas STEM. No programa, deseñado pola Fundación FIRST e LEGO Education e impulsado en España pola Asociación Ingeniera Soy, participan en España cada ano máis de 9.000 nenos e nenas de case 700 colexios, e máis de 700.000 a nivel internacional nos 110 países nos que se desenvolve o programa desde fai máis de 25 anos.
Sinalar que en Galicia, o programa está impulsado pola Universidade da Coruña (UDC) que acolle, no seu Campus de Ferrol, a colexios de toda a comunidade autónoma que cada ano desfrutan e presentan os seus traballos de innovación e amosan as capacidades dos robots creados por eles mesmos. A décima edición da FIRST LEGO League Galician reuniu o pasado 2 de marzo no Campus Industrial de Ferrol a máis de 300 mozos e mozas de toda a comunidade, que competiron en 43 equipos.
Javier Butragueño, presidente da Asociación Ingeniera (impulsora en España do programa FIRST LEGO), será o encargado de recoller o galardón na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia.

PUBLICIDADE