O Campus de Ferrol acolle mañá a First LEGO League
venres, 27 de febreiro do 2015
A
vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres,
abrirá mañá, ás 10:00 horas, no salón de actos de Esteiro, a First LEGO League, programa
internacional que naceu en Estados Unidos en 1998 e busca promover o interese
pola ciencia e a tecnoloxía entre a xuventude, que nesta edición galega conta coa
participación dun total de 152 estudantes repartidos en 14 equipos de alumnos
de entre 10 e 16 anos e 7 equipos de nenos de entre 6 e 9 anos.
Organizado
conxuntamente pola Escola Universitaria Politécnica, a Escola Politécnica
Superior e a Facultade de Informática, a First LEGO League conta cunha parte de
competición de robots feitos con pezas de LEGO e outra de presentación de
proxectos científicos que deberán responder á pregunta de que é o que quere
aprender a xente nova e como queren que se lles ensine.
Despois da
inauguración, haberá a presentación de proxectos que se fará en diversas salas
da Facultade de Humanidades, e a competición de robots que se desenvolverá no
salón de actos. Coas diversas propostas que discorrerán ao longo da mañá e que
contarán coa animación do mago Martín Varela, chegarase á entrega de premios ás
14:30 horas.
O gañador
acudirá á final nacional que terá lugar en Tenerife o 22 de marzo. Os tres
primeiros clasificados da fase nacional competirán nun dos dous torneos
internacionais, o World Festivas en St. Louis (USA) ou no Open European
Championship.