O Campus de Ferrol lucirá proxectos tecnolóxicos na III edición do InnovAmes

xoves, 25 de xaneiro do 2024 S. P.

Será mañá, venres 26 de xaneiro en horario de 10 a 19h, cando teña lugar no Pavillón Polideportivo do Milladoiro (Ames) a terceira edición da Xornada de Innovación e Movemento Maker (InnovAmes) que terá á Intelixencia Artificial (IA) como eixo central e que organiza o Concello de Ames xunto coa Maker Faire Galicia. Entre as entidades participantes atópase a Universidade da Coruña (UDC), que contará ao longo de toda a xornada cun stand no que exhibirá o traballo realizado no Campus Industrial de Ferrol.
Pola mañá, o alumno do Programa de Doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial, David Sánchez Canzobre, estará no posto da UDC para amosar a súa tese centrada no deseño dun sistema de vídeo-vixilancia de baixo custo para supervisar ás persoas maiores e/ou dependentes botando man da visión artificial.
Ás 13 horas, o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez González, intervirá para presentar ao primeiro campus con especialización acreditada de todo o sistema universitario español e tamén o primeiro centrado no eido da industrial naval.
Desde o seu nacemento, en 2015, o Campus Industrial de Ferrol basea a súa especialización en cinco liñas estratéxicas: a robótica, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e offshore e a xestión industrial e o desenvolvemento do produto. Logo da súa reacreditación en 2023, de cara aos catro vindeiros anos, deberá incorporar novas liñas de investigación vinculadas aos eidos da enxeñaría eléctrica e electrónica, das telecomunicacións e da informática así como liderar a investigación a nivel nacional no ámbito da enxeñaría aditiva e da fabricación 4.0.
Na quenda da tarde, a partir das 16:30 h, achegarase até o stand da UDC unha representación do alumnado do segundo curso do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, quen amosará as demos dos dous proxectos que están a crear como traballo final desta titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
Engadir que o público asistente a esta xornada poderá probar e testar What the Hell, un xogo de desprazamento lateral con elementos de plataformas, acción 2.5D e puzzles ambientado nos infernos de Dante. Detrás deste proxecto están os e as estudantes do Campus Industrial de Ferrol: Miguel González, Manuel Veiga, Lara Fernández, Natalia Froiz, Alberto Tajuelo, Nerea Martínez, Albert Ramírez e Teresa Pecker, integrantes do estudo indie Namaless.
A segunda opción dispoñíbel para probar e testar será Platyfrog , un xogo de aventuras e plataformas 3D onde un ornitorrinco chamado Firu e unha rá de nome Ben, integrantes de dúas civilizacións rivais, rematan na Bóveda da Apocalipse. Están a realizar este proxecto, baixo o nome de Piña Colada, os estudantes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol: Laura Bey, Andrea Fernández, Sofía Pelegrín, Paula Portal, Viviana Rodríguez, Anllelo A. Reina, Eduard A. Sánchez e Álvaro Hayek.