O Campus de Lugo acolle un curso de Introdución a Ubuntu-USC

xoves, 8 de abril do 2010 Raquel Noya

A Aula Universia da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo está a acoller, durante estes días 7, 8 e 9 de abril, un curso sobre Introdución á Ubuntu-USC, que imparte a Oficina de Software Libre da USC no marco do Programa de Formación e Innovación Docente (PFID) da USC.
O curso, que tén como principal obxectivo facer que as persoas asistentes empreguen o sistema operativo GNU/Linux Ubuntu-USC en lugar de Windows, versa sobre o proceso de instalación, configuración e manexo deste sistema operativo libre, que permite, ao igual que outros similares, comprimir cartafois e instalar e desinstalar programas, entre outras cousas.
Segundo informan dende a propia Oficina de Software Libre da USC, a metodoloxía do curso está a ser “eminentemente práctica” e, da man dun profesor, as persoas asistentes aprenden a moverse polo contorno da Ubuntu-USC, detectando as alternativas existentes para desenvolver as súas tarefas diarias e buscándolle novas utilidades a un programa que poden adaptar ás súas necesidades.
O alumnado tamén terá a oportunidade de comparar este sistema operativo con outros programas similares tanto privativos como libres, para comprobar, de primeira man, que non existen tantas diferenzas entre o Ubuntu-USC e os que usan habitualmente, e que incluso pode chegar a ser moito máis sinxelo e doado de usar que os SO que xa coñecían.
Para este curso, no que as persoas asistentes recibirán información sobre boas prácticas para quitarlle o máximo partido á informática, emprégase o software VirtualBox de Sun Microsystems, unha potente máquina virtual baseada tamén en software libre.
O temario completo do curso, que pode verse dentro do PFID, é o que segue:
1. Instalación.
2. Contorno de escritorio.
3. Aplicativos de uso xeral: Firefox. Evolution. Rythmbox. Empathy. Totem / VLC.
4. Instalación e eliminación de paquetes de software.
5. Cando o software libre non é dabondo: Aplicativos privativos. Códecs. Controladores de dispositivo.
6. The GNU/Linux way. A comunidade e a axuda entre usuarios.
7. Breve introdución a outros aplicativos. Ofimática, vídeo, deseño e maquetación, xogos, VOIP e Videoconferencia.

PUBLICIDADE